Pódese pedir ata o 29 de maio e usalo ata o día 31 do mesmo mes.
O Concello de Ourense puxo en marcha esta semana a campaña do Bono Comercio co que da 100 euros a todos os censados en Ourense e que deben gastar en calquera dos comercios e locais de hostalaría adheridos a esta iniciativa.
Tal foi o éxito que durante a mañá do primeiro día que se podían solicitar os bonos, producíronse 3.000 solicitudes en 30 segundos o que fixo colapsar o sistema durante un breve espazo de tempo.
60.000 descargas
A demanda seguiu crecendo nas primeiras horas; así, con tan só catro horas de andadura xa se contabilizaban preto de 20.000 bonos (en torno ao 20% da poboación) do concello. E tras dous días, a cifra elevábase ata as 60.000 peticións online, cifra á que hai que sumar aos que se achegaron ata o concello para pedir o bono (calculase que unhas 2.000 solicitudes tramitáronse directamente desde a Casa Consistorial).
Solicitudes
Os bonos pódense obter a través da páxina web https://www.bonosourensecomercio.gal; desde a propia web do Concello de Ourense www.ourense.gal, a través dun link; ou en formato papel, solicitando cita previa, a través do número de teléfono 988 78 29 20, de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas.
Sen présa
Desde o Goberno municipal mandaron un comunicado lembrando que as persoas interesadas non deben ter présa por realizar o trámite, dado que haberá bonos suficientes para a totalidade das persoas empadroadas no Concello de Ourense o 13 de marzo de 2023. Os bonos poderán gastarse até o día 31de maio en calquera dos máis de 600 establecementos adheridos á campaña.
Ademais, non hai límite de gasto, é dicir, pódese gastar todo o diñeiro nun mesmo comercio ou en varios.
Éxito
O alcalde de Ourense, Gonzale Jácome, cataloga de «éxito absoluto» esta iniciativa e agarda que cumpra o seu obxectivo que é, por unha banda «ingresos extras aos ourensáns», e pola outra faise «unha campaña a favor do comercio local que nunca se fixera antes na historia de España». Jácome considera, ademais, que o bono é «versátil e sinxelo de usar» posto que se gasta «onde queiras, sen ter que facer cálculos de nada». Ademais, asegurou que tecnicamente «está moi ben implementada».