Gerardo Seoane, candidato PSOE Verín
Como definiría a situación do Concello depois dos catro últimos anos e dos oito co bipartito no Gobeno?
Gerardo Seoane: «O cambio que se produciu en aspectos urbanísticos, de humanización, xeración de zonas verdes e na situación económica pasando dun balance de 33 millóns no ano 2015 a 62 millóns na actualidade dobrando o balance do Concello en oito anos e a débeda soamente aumentou un 10%. Ademais contamos coa propiedade do edificio da familia de Recaredo. Na mobilidade, outros logros foron a reforma de todas as entradas á vila e o novo acceso ao polígono coa construción dunha ponte. Tamén logramos a remunicipalización dos servizos de limpeza, depuración, asistencia no fogar, abastecemento, saneamento. Cambiamos todas as bombillas a LED en Verín e nos núcleos, ademais de poñeremos placas solares nos edificios municipais».
Cales sería a medida estrela?
G.S.: «No tema da auga é no que investimos máis tempo. Para elo fixemos un proxecto Perte -duns oito millóns de euros- cun grupo de traballo coa Confederación Hidrográfica, Augas de Galicia e os 10 concellos da conca do río Támega e do Mente para a dixitalización de todos os servizos, ademais da remodelación da depuradora; con isto preténdese que todas as verteduras e captacións se fagan dentro da lei.
Outro proxecto, o Live, será a través da Eurocidade e inclúe todo o que afecta ao río Támega, buscando a limpeza das súas augas e rexenerando a vida no río, tratando as súas marxes, recuperando e reordenando campos colindantes transformándoos en terreos agrícolas e para a plantación.
Tamén continuaremos coas comunidades enerxéticas onde os pobos terán enerxía eléctrica un 60% máis barata. Con todo isto pretendemos darlles un sistema de produción e de vida atractivos. Mediante un Perte alimanteario diversas empresas que queiran investir na zona terán unha axuda de ata o 40% a fondo perdido (con fondos estatais)”.
Algunha outra medida?
G.S.: «Coa adquisición do edificio Recaredo faremos un museo, e na praza de Abastos quedará outro espazo expositivo que, en principio, será o Museo do Entroido. Por outra banda, quedaría para esta lexislatura a circunvalación Norte, e continuaremos con actuacións que xa deron comezo como pavimentación, soterrado de cables, etc. No tema de zonas verdes está o parque de Fontenova, no que xa temos expropiado ao redor do 80%. E, ademais, está a terceira idade e os cativos. No tocante á terceira idade, fixemos un centro de Día e coa Fundación San Rosendo comézase a execución dun xeriátrico; e para os cativos, importante será facer unha nova gardería na contorna do instituto Princesa de España, onde xa temos no Plan Xeral a ubicación e facer un novo acceso».
Cal pode ser o principal problema de Verín?
G.S.: «O da auga. Falando do Perte citado anteriormente, unha das ideas é traer auga do encoro das Portas. Nós estamos no medio entre a zona que tende a deserto e a que non, e podemos caer para calquera dos dous lados. As captacións de auga que facemos no monte, en verán secan, polo que temos que buscar alternativas de abastecemento. Por iso, nos unimos ao Perte da Unión Europea. Este non é un proxecto soamente de catro anos.
Despois está a reestruturación económica, o Perte Agroalimentario so vai dirixido a empresas que transforman o que mercan aquí para vendelo fóra. Hai que facer unha primeira transformación que xeraría moitos postos de traballo».
Volverían pactar con algunha forza política?
G.S.: «O mandato popular está claro desde fai oito anos, o resultado o porá máis fácil ou máis difícil pero penso que seguirá así. Entre os dous (BNG e PSOE) temos unha maioría clara”.