Celebrouse a Xunta Local de Seguridade de Ourense.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o Segundo Tenente de Alcalde de Ourense, Antonio Fernández Martín, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade do Concello de Ourense, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello e se puxeron en marcha os dispositivos de cara a campaña de verán. “Ourense é un concello seguro e reforzaremos os dispositivos de seguridade durante a campaña de verán”, aseguraba o subdelegado do Goberno.
Emilio González incidiu na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todos os corpos, que deu lugar ao establecemento de dispositivos conxuntos entre a Policía Local, Policía Nacional e Policía Autonómica.
O subdelegado, que aproveitou tamén para dar a benvida ao novo comisario da policía Nacional, informou da rebaixa do 11% nos delitos contra as persoas e no 10% nos delitos de agresións sexuais calificando as cifras da cidade como un municipio que mellora na súa seguridade. Os representantes dos diferentes colectivos e das forzas de seguridade acordaron o seguimento e o reforzo das medidas nos robos con forza e os delitos contra o patrimonio, que resultan persistentes nos tres campos.
Violencia de xénero
En canto aos datos presentados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, actualmente no concello de Ourense hai 168 casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). Tres deles presentan risco alto, 18 risco medio, 57 risco baixo e 90 risco non apreciado. A gran maioría deles contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.
Plan Director
No tocante ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Policía Nacional, da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.
Destacouse que durante este curso a maioría das actividades programadas nos centros escolares, como son as charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre temas de acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, bandas xuvenís e violencia de xénero.
Á reunión, que se levou a cabo na Subdelegación do Goberno, tamén asistiron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabrial Alén; xefe territorial de presidencia da Xunta de Galicia, Manuel Pardo; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Castor Díaz; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Nogueiras; o xefe da Policía Local, Lorenzo Ferreiro; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Mª Alida Iglesias Gil; así como representantes das federacións de veciños Miño e Limiar, a asociación de veciños Centro e a asociación de propietarios de fincas urbanas.