Esta céntrica rúa da vila diríxese agora cara ao Sur.
O Concello de Verín informa a todos os veciños e veciñas da localidade sobre un importante cambio de dirección de circulación que entrará en vigor o próximo luns 2 de outubro na Rúa Laureano Peláez.
A partir da data citada anteriormente, a Rúa Laureano Peláez no tramo comprendido entre a N-525 e a Rúa José Santamarina cambiará a súa dirección de circulación. Este tramo pasará a ser de dirección sur.
Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, «este cambio levarase a cabo co obxectivo de mellorar a circulación na zona e garantir a seguridade viaria de todos os usuarios desta transitada vía». Realizaranse as sinalizacións pertinentes para indicar a nova dirección de circulación, e, pídese a todos os condutores e peóns que presten especial atención ás sinalizacións de tráfico e respecten as normas de circulación en todo momento.
O Concello de Verín agradece a colaboración de todos os cidadáns para facer deste cambio unha transición fluída e segura. As persoas interesadas en ampliar información, poden poñerse en contacto coa Policía Local de Verín.