As Andrómenas e outros contos
Fica unha sobreira eterna, entre o Asneiro e o ceo, camiño de Corrigatos, onde remata a opulencia dos eidos de Mouriscade, un marco que delimita a fronteira de alomenos tres castes: a dos caciques, dos caseiros e a dos que, case que sen terra nin propia nin allea, carrexan con dignidade a escaseza ao lombo, «para non ser criados de ninguén, cantos traballiños hai que pasar!», dixo meu pai unha noite camiñando do Cruceiro á Corrigatos, mentres a xeada endurecía a lama evitando que se enterraran os pés, tentando salvar as pegadas do leito de auga e barro, mentres curtía as nosas mans afacéndoas ás duras labazadas do frío e do traballo; poida que as pegadas dos homes non duren máis que o que dura a xeada na lama.
Fica unha sobreira eterna que xa se converteu en pobo fronteirizo. Polo norte delimita cos soutos e os cogumelos e baixando pola corredoira segue o camiño cara a Viñoa, ruta nosa, papá, e do cabalo; paradas obrigatorias na casa de Elixio e Margarida en Santomé, pobo de moitas mozas, tantas que ao amigo Benito alcumárono «Benito das nenas» e na dos nosos parentes en Viñoa, morada tamén de boas mozas.
Polo oeste limita co agro onde se sementa o pan, as colleitas para o sustento, alí atópase o lugar de Corrigatos e a fonte da Picha, fronte á casa de Pepe do Caseiro, fartura de auga para a sede e dozura nas gorxas secas dos camiñantes. Polo oeste con Mouriscade e cun prado con carballos onde aniñan as pegas, na súa sombra gorécense as vacas e os cabalos e cando anoitece, co luar, fan o amor os namorados.
Polo sur limita coa Pena e coa vía do tren, onde viaxan os soños dos que teñen que marchar e máis alá, ao fondo, albíscanse as casiñas de Ribas do Asneiro, fumegando para vencer a brétema que nace no río; no outeiro Codeseda, vixiando á outra ourela, fitando o val con ollos doces e agarimosos.
Fica unha sobreira eterna, para ti e para min, Antonio de Fariñas, por iso elixiches partires dende alí. Agora que te fuches non falarei ben de ti. Eras un xefe duro, moi esixente ás veces, pero nunca pediches nada que non te esixiras a ti. «Non che pago para traballar moito, págoche para facer moito». E baixaches do andamio tres pisos para acercar o tractor onde eu estaba cargando area, para que aforrara un paso e me cansara menos, ensináchesme aquel día algo moi importante, que para sempre aprendín, pero… agora que te fuches non penso falar ben de ti!
Fica unha sobreira eterna, Antonio, fillo de Avelino, así se chamaba teu pai, o mesmo que o meu, así lle puxeches ao fillo, o mesmo que fixen eu. Lémbrome daquela noite na que te achegaches á nosa casiña, a que lle tiñamos en aluguer a Amadeo, co agasallo dunha porquiña para que tamén na nosa casiña houbera matanza coma nas outras, fuches xeneroso comigo e sempre me pagaches con propina, puntual ao rematar o mes, pero… agora que te fuches non penso falar ben de ti!
Fica unha sobreira eterna, Antonio, oficial de primeira, sobranceiro albanel, sempre vixiando todo: que non falte masa nos caldeiros, nin cemento, nin viguetas, nin ferro na placa, nin formigón, nin nada, que «hoxe témolo de tarefa e ata acabar non marchamos». Recordo aquela vez en Sante que fixen 100 formigoneiras, cada unha levaba, catro caldeiros de auga e un saco de cemento, 32 padeadas de area e outras tantas de grava e un tapón do líquido negro. Botando as contas agora, só de cemento é media tonelada! Pero ao rematar felicitáchesme diante de todos, e aquelo axudoume para saber valorarme, para saber que a dignidade do traballo está en como un o fai e non no tipo de traballo que sexa, eras un xefe moi duro o máis duro que coñecín, pero contaxiabas a todos, e todos seguiamoste a ti… pero agora que te fuches non quero falar ben de ti!
Fica unha sobreira eterna, amigo, no fondo do meu corazón. Levaba tempo, meu xefe, sen saber moito de ti, disto que che conto xa pasaron 40 anos, porque o tempo corre que o leva o demo. Unha chamada tróuxome a nova que non quería oir, volviches á Sobreira e decidiches partir, acórdanme aqueles rioxas que tomabamos algunha que outra vez, e recordo a túa risa nos momentos de lecer, unha foto no meu casamento que ti querías ter, quen me dera brindar contigo e botarlle a arrancadeira, pero non vai poder ser. Eras moi teimudo cando te coñecín, perfeccionista no traballo, como un escultor co buríl, pero agora que te fuches non penso falar ben de ti!
Fica unha sobreira eterna, entre o Asneiro e o ceo, se te atopas por alá cos nosos Avelinos, dilles que eu quedo nesta ourela agardando o momento de vos seguir, pero quero que saibas, Fariñas, que agora que te fuches, non penso falar ben de ti!
Avelino Jácome