A revista lanza o seu 13º número.
Cunha asistencia masiva de preto dun cento de asistentes, celebrouse con gran éxito a presentación do décimo terceiro número da revista cultural Nós, a Xente do Redor. O evento, que tivo lugar o domingo 28 de xaneiro, contou coa participación entusiasta de trinta autores procedentes de distintos lugares de Galicia e Portugal.
O recoñecido pintor Paco Ascón foi o protagonista da xornada, presentando a súa obra na portada do novo número. Trátase dunha reprodución chea de simbolismo e forza, que retrata unha paisaxe nevada dos cumios de Trevinca, o lugar de residencia do pintor. A obra, cargada de luz e vida, convida a loitar por un mundo libre e en paz, fusionando natureza e cultura nunha expresión artística que é, sen dúbida, unha xoia de esperanza.
O evento tamén contou coa presenza de destacadas personalidades representando diferentes institucións, como Rosendo Luís Fernández (Deputación de Ourense), Avelino Pazos (Alcalde de Castrelo de Miño), Juan Manuel Casares (Presidente da Denominación de Orixe do Ribeiro), Manuel Blanco (Director do Museo Etnográfico Casa do Patrón), e José Ramón Fernández Morgade (Presidente do Círculo Poético Ourensán).
A presentación estivo a cargo da artista Marina Sánchez, activista cultural e fundadora do canal de YouTube «Marina Sánchez canal cultura». A música encherou o ambiente con actuacións do Grupo da Asociación Loureiro, e dos acordeonistas Maximino Miguez (Maxi) e Óscar Martínez, de Acordeóns de Celanova.
Nas verbas do director Avelino Jácome: «Este é un soño cumprido, presentar neste espazo o número 13 da nosa revista, a revista de todos, a que facemos xuntos! Agradecemos a aposta pola Cultura de Frei Canedo, en particular ao presidente Roberto Pumar, e ao noso amigo e membro Juan Carlos del Canto, por contar con nós e levar a Cultura de Ourense ao mundo, coa humildade que busca a universalidade».
O acto concluíu cun público en pé entoando a Rianxeira como símbolo da filosofía e amizade do grupo, seguido dun momento de confraternidade e ledicia compartida coa Asociación Frei Canedo.