A misión é reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas.
‘Non deixes que a túa vida quede na estrada’ é a nova campaña que lanza a Xunta de Galicia coa que pretende poñer o foco nas consecuencias das condutas imprudentes ao volante.
A través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de poñerse en marcha esta nova campaña de concienciación en materia de seguridade viaria e na que se advirte do que se pode chegar a perder nun segundo por un despiste ou unha conduta inaxeitada ao volante.
Esta iniciativa presenta, a través dun spot audiovisual, cuñas radiofónicas e distintas propostas gráficas, á cidadanía distintas situacións da vida normal dunha familia que se ve truncada nun intre por un accidente de tráfico.
Devandita campaña traballa, sen empregar escenas de accidentes dramáticas, con elementos suxestivos que trasladan a través dunha simple imaxe -como unhas fotos, un móbil, unha mochila cun ordenador ou un boneco estrados na vía-, o que pode cambiar a vida en poucos segundos por un despiste ou imprudencia ao volante.
Os datos de sinistralidade nas estradas apuntan a unha certa relaxación de condutas na estrada no uso do cinto, nas distraccións co móbil ou no consumo de alcohol e drogas. De aí que se centre nesas premisas a campaña.
Iniciativas anteriores
Esta é a continuación das campañas realizadas pola Xunta de Galicia nos últimos anos. En 2017 e 2019, púxose en marcha unha iniciativa de concienciación centrada nas distraccións ao volante, xa que estas se converteran na primeira causa recorrente de sinistralidade en Galicia nese momento. En 2018, coa campaña ‘Metro e medio’, o centro púxose no respecto na estrada entre condutores e ciclistas, un colectivo vulnerable e con crecente presenza na estrada. No contexto de pandemia, no 2020, adevertiuse de que na desescalada do confinamento seguía a ser necesario conducir de modo seguro.
Xa nos últimos anos, as campañas buscaron reflexar a fraxilidade das persoas usuarias da estrada, en especial dos peóns, e a necesidade de adoptar unhas sinxelas medidas para a seguridade propia e dos demais, como facerse ver co uso de prendas reflectantes.
Outro colectivo foco de actividades divulgativas e de concienciación foron os escolares, coa campaña ‘O corazón está do teu lado’. Con ela achegáronse hábitos responsables nas estradas a moitos colexios de Galicia. Mediante actividades amenas aprenderon a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.
“Visión cero”
No 2024, con esta nova campaña de concienciación posta en marcha pola Xunta de Galicia, que forma parte do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, cuxo obxectivo é acadar a “visión cero”, é dicir, reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas. Este Plan, que é a folla de ruta do Goberno galego no eido da seguridade viaria para os vindeiros anos, foi recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria.
Dúas son as metas principais que recolle este programa: diminuír nun 25% o número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías, con respecto a 2019; e reducir tamén nun 25% os falecidos e feridos graves entre os usuarios máis vulnerables, como os peóns, ciclistas ou motoristas.
Para elo, o ente autonómico ten en marcha distintas accións como a mellora das infraestruturas, a promoción da educación e formación viaria, a insistencia da importancia do bo estado do vehículo ou a priorización da seguridade viaria no lugar de traballo. Por iso, lévanse mobilizados preto de 17 millóns de euros que permitiron reducir case 50 km de puntos negros nas estradas autonómicas, diminuíndo a accidentalidade en máis dun 60%; ademais, agora, estase a avanzar na elaboración dunha nova estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes baseándose nos identificados no 2021.
En canto á aposta por unha mobilidade peonil e ciclista máis segura e sostible, estanse a construír novas sendas, habilitándose máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas nos últimos anos, cun investimento que supera os 50 millóns; e nas contornas das cidades estanse a crear grandes eixes de mobilidade.
Outras iniciativas son as intervencións para reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nas paradas de autobús sitas nas vías de titularidade da Xunta, actuándose en 1.100 paradas de autobús cun investimento de 35 millóns; obras específicas para a eliminación de obstáculos nas estradas; ou o Plan de reforzo de firmes (nos últimos sete anos licitáronse obras que superan os 140 millóns de euros, superando no que levamos de ano os 20 millóns).