O investimento previsto é de máis de 11 millóns de euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzaba na súa visita á capital ourensá que a Xunta construirá 66 novas vivendas de promoción pública en Ourense, que suporán un investimento de máis de 11 millóns de euros. Así o sinalou Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, nunha reunión coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO).
Salientou que a Xunta xa presentou ante o Concello de Ourense a solicitude de licenza municipal para executar estas vivendas nas parcelas adquiridas polo Goberno galego na praza de Cambedo de Raia. A previsión é licitar as obras este verán.
Detallou que xa se atopa en redacción o proxecto de execución das vivendas, que se presentará ao Concello despois de incorporar ao mesmo os requirimentos que os técnicos municipais realicen a partir do proxecto básico.
Concretou que ademais do investimento previsto na construción destas vivendas, máis de 10 millóns de euros, cómpre sumar a achega de máis dun millón de euros destinados á adquisición do solo necesario e os máis de 426.000 euros para a redacción dos proxectos.
Lembrou que ademais, a través do programa Rexurbe de Rehabilitación de Vivendas adquiridas en conxuntos históricos, están en proceso de licitación 6 vivendas na praza Manuel Sueiro e nas rúas Liberdade, 28 e Pelayo, 9.
Engadiu outras previsións na provincia de Ourense, no marco do programa Rexurbe. Así, está adxudicada a redacción do proxecto para acadar 5 vivendas en Ribadavia; e prevese a licitación do proxecto para construír 3 novas vivendas en Oímbra.
A Xunta, ademais do impulso destas novas vivendas, ten concedido distintas liñas de axudas -á mellora de vivendas de titularidade municipal, do fondo de cooperación cos concellos ou á eficiencia enerxética-, mobilizando un investimento global de máis de 30 millóns de euros na provincia ourensá.
A conselleira enmarcou estas actuacións nunha das principais metas na lexislatura, que é duplicar o parque público de vivenda ata as 8.000 e desenvolver solo para nun futuro promover 20.000 vivendas protexidas.