Actividades de verán en Allariz

Prolongaranse durantes os meses de xullo, agosto e setembro.

Xullo
– Os días 5 e 6 de xullo, a Sala A Fábrica acollerá o FLAZ, o Festival Literario de Allariz, unha cita imprescindible para as amantes da literatura.
– Do 11 ao 14 de xullo, celebrarase a tradicional Festa de San Bieito en diferentes espazos de Allariz, enchendo as rúas de música e ledicia.
– O sábado 20 de xullo, continúan os Roteiros Temáticos de Allariz, achegando as persoas que así o desexen a descubrir “A Lingua das Bolboretas”, película que foi rodada en Allariz en 1998, convertendo as rúas nun estudio de cine e á veciñanza en parte das protagonistas. A quedada será na Oficina de Información. Máis información en www.allariz.gal/turismo/roteiros-tematicos/.
– A campaña de escavación na Cibdá de Armea 2024 desenvolverase do 15 ao 26 de xullo, ofrecendo unha oportunidade única para explorar a historia e arqueoloxía da zona.
– O domingo 21 de xullo, a praza do Matadoiro acollerá o festival de danza e movemento ABANEA, evento que ten unha das súas paradas en Allariz o cal xa forma parte da programación habitual do Verán en Allariz.
– A Festa da Patria celebrarase o mércores 24 de xullo nos Xardíns do Museo do Coiro cunha actuación do Cuarteto Par de Par ás 21:30h, seguida dun concerto de Os Vacaloura á medianoite para festexar xuntas o Día de Galicia.

Agosto
– En agosto, a diversión continúa co espectáculo “Marta Sempre Arriba: Hoxe Si!!!” o venres 2 ás 20:30h na praza do Matadoiro.
– O sábado 3 de agosto, O Mato será o escenario da Fornada no Mato, acompañada pola música de De Pé Feito.
– Do 5 ao 8 de agosto, o Campo da Barreira acollerá as previas do Campionato de Billarda – Senior, culminando coa final o mércores 14 de agosto ás 19:00h. Previo a esta final, durante a mañá do 14, será o Campionato de Billarda- Infantil ás 11:00h.
– O sábado 10 de agosto, outro Roteiro Temático guiará ás participantes pola historia de Romasanta, consulta toda a información sobre este evento no apartado de turismo da web de Allariz.
– A Festa da Empanada, celebrarase os días 17 e 18 de agosto, con actividades en diferentes espazos de Allariz.
– O sábado 17, a Alameda será o punto de encontro para o Tríatlon Vila de Allariz ás 18:00h, seguido dun concerto de Brincadelia Troupe ás 22:00h nos Xardíns do Museo do Coiro, e unha discomóbil ás 23:30h.
– O domingo 18 de agosto, a Regata Provincial de Piragüismo terá lugar no Embarcadoiro da Alameda ás 11:00h, e pola tarde, ás 19:30h, o Campo de Vilanova acollerá un concerto de De Ninghures. A programación deste evento será presentada máis adiante con todas as actividades que se realizarán.

Setembro
– O verán pecharase en setembro co RIR – Festival Internacional de Curtas de Comedia, que terá lugar do 1 ao 7 de setembro en diferentes espazos de Allariz.
– O xoves 5 de setembro, na praza do Matadoiro, poderás gozar do evento de Ler Conta Moito con As Jalochas ás 19:00h.
– O domingo 8 de setembro, o Mercado de Artesanía – Arte de Man encherá as rúas de creatividade.
– O sábado 14 de setembro, a Feira dos Produtos Apícolas celebrará a riqueza apícola da rexión en varios espazos, mentres que un novo Roteiro Temático destacará as “Personaxes Senlleiras” de Allariz.
– Para rematar, do 27 de setembro ao 13 de outubro, as Xornadas de Carne de Boi ofrecerán a oportunidade de degustar este exquisito produto local.