As Andrómenas e outros contos
Do Asneiro ao Pico Sacro
unha landra feiticeira
fachendosa na sobreira
fita ergueita un anaco
pensando cas amoras
xa fuxiron da silveira
vaise coma un alustro
fuxe a auga nunha man
así fuxe o noso tempo
así vaise o noso verán
Marcinda Caneiro
Hoxe, fuxiu un vento do Mosteiro de Aciveiro, doce frades soprando, son aqueles que mandaron da abadía de Claraval chamados por Alfonso VII o que nacera en Caldas, o que quixo ser Emperador; agora a abadía de Claraval é cárcere e os laios esvaran no ventos, e coma lobos, ouvean no Candán.
Afonso Raimúndez, o Emperador, nado en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105 e finado en Fresneda (quizais El Viso del Marqués) o 21 de agosto de 1157, foi rei de Galiza, León e Castela, o primeiro da dinastía de Borgoña. Foi fillo de dona Urraca (filla de Afonso VI) e do seu primeiro marido, Raimundo de Borgoña.
Doce veces ouvean dende a serra cada ano, as ánimas dos fundadores do mosteiro, anoxados polos muíños que non moen, infernos con rodicios no ceo, xigantes de ferro que queiman os ollos, intereses dos inimigos, ladróns sacrílegos, garduñeiros con garamelos, pasaron os séculos, máis a teima do averno por escravizarnos, non pasou!
Doce ventos érguense e baixan polo Umia, para bicar ó pé do emperador, cabaleiros dunha mesa redonda do alén, que dende San Roque ata Santa Ciriaca, o 21 de agosto rezan camiño de Arousa; devecendo por xuntarse cos recendos das landras dos carballos de Ribas do Asneiro, que viaxan nas correntes para acochar as ameixas.
Doce ventos choran nesta data, polo pasamento de Alfonso e os 12 espíritos na compaña da santa Ciriaca, cuxo nome significa «aquela que ama a Deus», condenada a morte e botada ós leóns por Diocleciano, por non renunciar ás súas crenzas, tivérona que decapitar, porque as feras submisas non ousaron tocarlle nin un cabelo, baixan polo Lérez camiño de Cotabade, na procura do canón de pau.
No ano 1127, cando se cumprían 20 anos da morte do seu pai, Raimundo de Borgoña, Afonso fixo unha serie de doazóns á Catedral de Compostela que aparecen recollidas no Tombo, o cabido compostelán acordou recibir ao rei como cóengo e este expresou o seu desexo de ser enterrado na catedral. Os desexos do rei para recibir o enterro en Compostela repítense en 1140 e 1143, e chegou incluso a dispoñer como serían os funerais, porén, enterrárono en Toledo.
Doce ventos que se magoan pola maldade dos homes, capaces de todo polo poder, as feras humanas fenden as serras e os tronos dos reis e das deusas, as nosas montañas e cumios, onde os nosos antergos, falaban coas divindades cara a cara, e contaminan os sagrados ríos onde viven as xacias e as mouras.
Doce ventos que laian noite e día na contra dos que destrúen o inmenso Xardín do Paraíso onde Deus baixaba a falar cara a cara cos homes, de todos é ben sabido que o Edén estaba entre dous dos ríos que nacen no Candán e o terceiro, o noso pai Asneiro, en cuxa ourela medraba a árbore da vida, en Ribas do Asneiro, onde comeza o mundo, alomenos o meu.
Lembrade que tivo Galicia reis antes que Castela leis. E que o 12 en galego non é só un número, é o sabor da arte e a cultura, faragullas que quedan pegadas no noso padal, 12 e 12.000 veces ergueitos, loitemos xuntos contra a maldade dos que por encher o peto venden a súa nai.
Xa sei papá, ás veces a mellor palabra é a que está por dicir, pero non podemos dicir que chove se mexan por nós; non torzas a fociño, que sabes que non podo calar, así quixera.
Avelino Jácome