Musicalizaranse varias curtas e presentarase a programación completa do festival co xornalista Iván Iglesias.
O xoves 29 de setembro, ás 22:15 bota andar a 9º edición do FIC Vía XIV nas rúas de Verín. O pistoletazo de saída será coa actividade “Casperverk: música fóra da pantalla”, que xa é un clásico do festival. Durante o evento, musicalizaranse catro curtas en directo na praza García Borbón e, ademais, o xornalista Ivan Iglesias, presentará o programa completo da edición ao público.
Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, anima “a toda a xente de Verín a asistir a esta inauguración, que sacamos á rúa porque, para a organización, o FIC é un festival que habita Verín”.
Esta actividade, que xa está consolidada como tradición do festival, saca o cinema ao centro da vila indo moito máis alá de proxeccións ao uso. Nela, o grupo Casperverk musicalizará ao aire libre e en directo as curtas Fantasmagorie, Alicia País nas Marabillas e Sherlock Holmes. Casperverk establecerse nos últimos anos como unha das grandes referencias dos cine-concertos de cine mudo en Europa. Cunha bagaxe de máis de trescentos concertos en doce países do continente e máis dunha trintena de filmes musicalizados Casperverk é, a día de hoxe, un ensemble modular que xunta a varios dos máis destacados intérpretes novos galegos, cunha formación que se adapta as necesidades de cada película.
Deste xeito, Música e audiovisual únense para que todo o mundo da praza poida gozar dunha experiencia envolvente que quere sacar a festa do cinema ás rúas da vila. Ademais, o xornalista Iván Iglesias desvela todas as actividades que se van levar a cabo ao longo do festival.