Manzaneda e Bande serán esta noite museos vivos da cultura e as tradicións dos seis países participantes nas Xornadas

Manzaneda acollerá os grupos de Panamá, Senegal e México. En Bande actuarán os compoñentes das agrupacións de Colombia, Taiwán e Serbia.

A edición XXXIX das Xornadas de Folclore chega esta semana ao seu fin. Hoxe será a última vez na que as seis agrupacións folclóricas participantes actúen divididas en dous grupos. Será na praza da Constitución de Bande, ás 20.30 horas, e no Patio do Colexio de Manzaneda ás 22.30 horas.

Na cita de Manzaneda as actuacións correrán a cargo dos grupos Ballet Folk del Instituto Tecnológico de Celaya, México, dos senegaleses do Ballet Jammu e os compoñentes da Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas de Panamá.
O público asistente ao encontro folclórico en Bande poderá admirar os ritmos e as rechamantes danzas da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa, de Colombia, o Yuan Yuan Dance Group de Taiwán e os serbios da agrupación Kud Srem.
A organización deste popular evento é da Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

As Xornadas de Folclore finalizan neste 2024 a súa XXXIX edición, aínda que levan 41 anos de traxectoria, trala parada obrigatoria de dous anos imposta pola pandemia. Neste tempo, baixo a dirección artística de Xulio Fernández, trouxeron ata a provincia ourensá a tradición folclórica de 400 grupos e subiron aos escenarios das vilas a 15.000 artistas. Só nesta edición participaron 170 persoas, entre músicos e danzantes.

Na presentación das Xornadas deste ano, Xulio Fernández recoñeceu o gran traballo que esixe a posta en marcha dun evento cultural destas características, citando especialmente a coordinación de Xabier Álvarez, e aos guías e voluntarios que traballan a diario cos artistas das seis agrupacións folclóricas que recorreron as 16 vilas da provincia. Tamén resaltou “a implicación da cidadanía nun espectáculo de máximo nivel e de referencia en España”.

O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación de Ourense, nace no 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao prestixioso etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández. O seu obxectivo principal é promocionar todo tipo de actividades encamiñadas a recuperar, conservar e espallar a cultura do noso pobo, incidindo con máis forza naqueles aspectos que, a causa da ruptura das habituais canles de transmisión, desapareceron practicamente .

Martes, 20 de agosto: Ourense
Un colorido desfile formado polos compoñentes das seis agrupacións folclóricas que participan nesta edición recorrerá mañá as rúas da cidade. O recorrido comezará ás 22.30 horas no Parque de San Lázaro e rematará na Praza Maior, onde terá lugar o Festival.