Allariz e A Rúa, actuacións no ecuador das xornadas

O campo da Barreira e o parque do Aguillón serán os escenarios.

A XXXIX edición das Xornadas de Folclore chegan hoxe ao ecuador da súa programación. A numerosa asistencia de público e os entregados aplausos ao remate das actuacións son a mellor mostra do éxito deste evento cultural. Arredor de 200 persoas, entre membros das agrupacións, técnicos de iluminación e son, persoal de montaxe e decoración, guías e membros da organización, fan posible cada noite os festivais en dúas vilas distintas da provincia.

As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Os asistentes ao encontro no parque do Aguillón da Rúa (22.30h) poderán descubrir o variado folclore que chega dende Panamá, Senegal e México, cos grupos Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, de Panamá, Ballet Jammu de Senegal e o Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, México.

A agrupación procedente de Senegal, Ballet Jammu, que quere dicir “Paz”, é a máis pequena destas xornadas, con 15 compoñentes. Este ballet folclórico xurdiu en Dakar no ano 2008 e fusiona dúas ideas: facer un grupo de folclore estable e crear unha escola de música e danza. Neste grupo participan mozos músicos e bailaríns de todas as etnias de Senegal: Wolof, Bambara, Peul, Toutcouleur, … Nos seus espectáculos presentan as danzas máis tradicionais do Senegal como o Sabar ou o Djembe. Pero tamén coreografías con elementos de danza contemporánea, como «Africa». As súas impresionantes danzas combinan movementos cheos de enerxía cunha espectacular acrobacia, baseadas no ritmo Mbalax. Este ritmo obtense dos tambores Sabar, empregados durante séculos polos Wolof do Senegal. O grupo, na súa corta existencia, obtivo prestixiosos galardóns, premios e condecoracións polo rigor nas investigacións das súas tradicións e o traballo realizado en prol da súa cultura e conservación e difusión da etnografía.

Os vistosos traxes tradicionais e as músicas e danzas da Fundación Ballet Folclórico de Nosa Colombia, Yuan Yuan Dance Group de Taiwán e Kud Srem de Serbia ocuparán o campo da Barreira en Allariz, a partir das 22.30 horas, para o deleite do público asistente.

Sábado, 17 de agosto: Trives e O Carballiño
30A XXXIX edición das Xornadas de Folclore chega mañá as vilas de Trives e O Carballiño.
A praza Maior do Carballiño recibirá as agrupacións folclóricas de Panamá, Senegal e México, ás 22.30 horas.
Colombia, Taiwán e Serbia despregarán o seu folclore na rúa de San Martín, en Trives. A partir das 22.30 horas.