Concede preto de 2.400 axudas en 4 anos por un importe de case 9,6 millóns de euros.
A Xunta de Galicia concedeu nos últimos 4 anos (2021-2024) un total de 2.374 axudas a concellos e a particulares por importe de preto de 9,6 millóns de euros para a corrección de impactos paisaxísticos, que supoñen a mobilización dun investimento global de 14 millóns.
Trátanse dunhas achegas que cada vez teñen maior demanda e que permiten mellorar o estado tanto de inmobles propiedade de particulares como de edificios, equipamentos e outras instalacións de titularidade municipal. Cabe destacar que, desde 2021, as axudas aprobadas chegaron a máis do 90% dos municipios galegos; é dicir, a un total de 283 dos 313 concellos.
Convocatoria actual
Dos 2 millóns orzamentados para a convocatoria deste ano, 1 millón foi para as entidades locais e 1 millón para os particulares, que neste caso cobren ata o 70% do orzamento subvencionable. Aprobáronse 50 axudas a concellos -para 64 actuacións- e 346 a particulares, ata esgotarse os 2 millóns. Con estas medidas, a comunidade segue avanzando na execución das actuacións de corrección de impactos paisaxísticos e na aposta polo fermosismo promovidas polo Executivo galego.
En canto ás achegas aos concellos, están dirixidas a aqueles con menos de 20.000 habitantes, contando con dúas liñas de axudas e puidéndose beneficiar dun máximo de 40.000 euros (20.000 euros por liña).
Modalidades
A primeira das modalidades é para renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais; e a segunda, para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.
Os apoios a particulares son para intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche e na convocatoria deste ano introduciuse como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.
O exemplo recente
Nunha recente visita a Trazo, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou que este concello recibiu nestas catro convocatorias axudas por importe de preto de 140.000 euros para un total de 38 actuacións. No caso da vivenda visitada, na parroquia de Vilouchada, o propietario beneficiouse dunha achega de 3.000 euros en 2021 para a renovación da cuberta con tella do país.
A maiores, ao abeiro da convocatoria deste ano para concellos, o Goberno local ten aprobadas dúas actuacións que suman unha axuda total de máis de 26.000 euros. A primeira delas consiste na mellora do estado do Centro Social de Oa, na parroquia de Xavestre, e a outra -xa en marcha- permitirá recuperar e acondicionar o Lavadoiro de Irexe, na parroquia de Chaián.
Na provincia de Ourense, tamén se acometeron actuacións grazas a estas axudas. Por poñer dous exemplos, o Concello de Ramirás e o Concello de Boborás, foron beneficiarios destas axudas achegando, un pouco máis, o fermosismo a estes municipios.