Os maiores de 65 anos dispoñen dun carné con descontos e bonificacións

En diversos establecementos de toda Galicia.

Os maiores de 65 anos da nosa comunidade autónoma contan cun carné que lles permitirá acceder a descontos, vantaxes e beneficios exclusivos nos locais galegos adheridos á campaña, conformados por unha ampla rede de establecementos ubicados nas catro provincias galegas. Trátase do carné +65 e a iniciativa foi anunciada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante o debate do estado da autonomía.

Carné +65
O carné +65 (expedido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade) é unha tarxeta persoal para as persoas maiores de 65 anos que residan na comunidade autónoma de Galicia. Con este documento as persoas usuarias poden beneficiarse de descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecementos en Galicia. O carné +65 é totalmente gratuíto e xa se pode usar nos distintos establecementos ligados á iniciativa.
Como a propia Xunta explica, este carné está concibido por que «á vellez é unha etapa para gozar». O que se pretende, en definitiva, é «facer o que non tivemos tempo de facer cando eramos mozos, probar novas experiencias, pasar por bos momentos en compañía dos nosos, ou simplemente, seguir gozando do que sempre nos gustou facer no tempo libre».

Funcionamento
O carné +65, que é gratuíto, non precisa activación e xa está en funcionamento. Así que, desde o momento en que chega á casa do beneficiario -por correo postal- xa se pode utilizar. Está previsto que chegue a todas as casas antes de final de ano (porén, quen precise utilizalo antes, pode solicitar o provisional no email xestion.carne65.maiores@xunta.gal). Por iso, tan só se terá que presentar no momento de realizar o pago ou reserva nos establecementos adheridos, e estes aplicarán o desconto ou vantaxe de forma directa, sen necesidade de trámite algún.
Este carné serve para viaxar e obter descontos e outras vantaxes en aloxamentos turísticos, cultura, gastronomía, entre outros. Por exemplo, podesé aproveitar descontos en saúde e coidado (ata o 30% de desconto); hoteis e casas de campo (ata o 20% de desconto); moda e complementos (ata o 20% de desconto); axencia de viaxes (ata o 15% de desconto); balnearios (ata o 10% de desconto); cultura e espectáculos (ata o 10% de desconto); gastronomía (ata o 10% de desconto); outros servizos turísticos (ata o 10% de desconto); e outros establecementos comerciais (ata o 10% de desconto).
Máis información se pode atopar na web carne65.xunta.gal; ademais podes encontrar todos os establecementos clasificados por categorías e por provincias.

Quen se pode adherir?
A esta campaña se poden adherir entidades públicas ou privadas que desexen ofrecer descontos ou vantaxes aos titulares do carné +65 da Xunta de Galicia. Para elo, deberán ser entidades que ofrezan bens ou servizos dirixidos a persoas maiores ou que teñan relación co devandito colectivo e que estean interesadas en ofrecer vantaxes e/ou descontos. Colaborarase mediante a presentación da solicitude, na que se recollerán as condicións das vantaxes e/ou descontos. Os establecementos estarán incluídos no catálogo de servizos e contarán cun distintivo.
Deste xeito, as entidades interesadas en adherirse ao carné +65 deberán presentar unha solicitude a través do formulario presente na web desta iniciativa. Para máis información, contactar a través da dirección de correo carnemais65.maiores@xunta.gal ou do teléfono 881 999 183.