As Andrómenas e outros contos
Ando á procura das lembranzas entre os tempos que vivín, unha vasoira vella coa que bailaba meu pai para provocarme un sorriso, unha lapa na lareira entre as achas de carballo, o fume enchendo a cociña namorado dos chourizos colgados no teito coma anxiños no Pórtico dun Paraíso terreal, danzando entre as folerpas de cinza que resucita o corisco furando entre as tellas vellas da nosa cociña.
Ando á procura das lembranzas entre os tempos que vivín na mirada da Cachorra, a miña vaca querida, a dos ollos grandes, a santiña que nas noites frías cargadas de soidade, cando a casa grande de Blanco, se convertía en labirinto do terror, para un meniño de cinco anos que agarda soíño pola chegada do pai. A Cachorra era unha nai que agarimosa deitada lambía en min coma se eu fora o seu becerriño, durmidiño con ela entre as pallas, cantas veces soñei con voar coma un paxaro, nadar coma a troita no Asneiro e choutar coma a donicela a carón dos castiñeiros de Xan.
Ando a procura das lembranzas entre os tempos que vivín na Eira de Mingote, con zocos e sen calcetíns, por pelota a botella de lixivia, por portería dous croios e se algo nos faltaba tirabamos do maxín. A bebida enerxética da fonte da Picha era de balde, amais de matar a sede, tamén quitaba a suor. As patadas de Tito, as paradas de Antón, os empurróns de Xosé Manuel e a lama nos pantalóns, a voz de meu pai berrando “Chiquitoo” cando chamaba por min.
Ando á procura das lembranzas entre os tempos que vivín co meu cabaliño castaño, quentiño coma un roxón, vía pouco por un ollo polo outro miraba a cachón, arrimaba nos valados cando oía a miña voz e deitábase mansiño para que eu baixara mellor, canto chorei Moriño cando a túa hora chegou, enterrámoste na Praia de Blanco entre a Pena e o balcón onde o Asneiro debuxa no Pozo Negro anxiños ao solpor, para que alimentes as margaridas, para que as enchas de cor, alí durmirei contigo cando chegue a ocasión que estanme procurando para levarme ao teu carón.
Ando á procura das lembranzas do mellor Nadal meu paiciño e sempre te atopo a ti, será que nunca te fuches, será que nunca te perdín, as olivas no vasiño, os figos, as pasas e o turrón, adobiado todo cos bicos e con agarimos mil. A xanela do cuarto de baixo ollando os tellados brancos da nevada e o alentar do río entre Lamas e o Prado do Muiño, a lama no camiño de Codeseda e o “rego a pillota”, as garatuxas da cadeliña e o luar entre as casas, o arrecendo do capón na pota, dentro da nosa potiña, os reis que cantabas coma un deus para min, as andrómenas que inventabas para facerme rir, as bágoas que non coutabas cando te acordabas da nai e que disimulabas para que non me decatara do teu fondo sufrir, era cando nos abrazabamos agarimados un no outro, sangue do mesmo corazón, latexo do mesmo sentir, orfandade da perda, auga da corrente sempre a mesma sempre diferente.
Ando á procura das lembranzas para sentir que vivín e todo me leva ao meu mundo en Ribas do Asneiro, as festas onde o forno do pan, as empanadas de torresmos, as xuntanzas na mesa grande, todos ledos e a rir. Algúns aniños despois, as troitas ao forno que fixeches, a camisola vermella de cadros e as cantigas que cantamos ata o amencer, o sorriso debaixo do teu bigotiño, e os xogos cos teus netos, todos fillos para min, agora que medraron tamén se lembran de ti, pero por se algúns te esqueceran escribo eu estas andrómenas, se precisaran un día lembranzas, que todos se acorden, que a vida naceu en Ribas do Asneiro, o lugar que elixiches para vivir para sempre ti, e cando nos percuren iremos a cabalo do noso Moro, ti de diante e eu detrás agarradiño as túas costas e dirasme papá aquelo de “déixate de Andrómenas Chiquito e achégate ben a min!”
Mentres en Ribas do Asneiro a neve vestirá de branco todo, as panxoliñas agatuñarán cara o ceo nos ameneiros e nos, “cabaleiros do alén”, volveremos a vivir cos nosos outro Nadal porque nunca nos fomos de alí.
Avelino Jácome