Semana Santa na provincia de Ourense

Celebracións de Ourense, Allariz, Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Os Milagros, Oímbra, Ribadavia, Verín e Xinzo.

Este ano as distintas programacións que tanto a capital ourensá como as vilas principais da diócese teñen previstas para esta Semana Santa foron presentadas en conxunto no Bispado de Ourense. Deste xeito, presentáronse as celebracións de Ourense, Allariz, Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Os Milagros, Oímbra, Ribadavia, Verín e Xinzo.
Durante a presentación, o Bispo de Ourense, Monseñor Lemos Montanet, quixo destacar que “a Semana Santa, non é só un tempo no calendario, non é unha semana máis do ano na vida dos cristiáns e dos cidadáns, senón que é unha ocasión propicia para afondar na nosa fe, reflexionar sobre os valores que nos unen e a fortalecer os nosos lazos como comunidade».
Lemos Montanet explicou que as orixes da Semana Santa na nosa cidade «remóntanse ós séculos XIV e XV grazas aos frades franciscanos, foron manifestacións apoiadas polos gremios de artesáns e comerciantes da cidade e propiciaron a creación da Confraría da Santa Beira Cruz, á que seguirían a Confraría do Santo Cristo, a Confraría da Virxe dos Dores, a Confraría de Santa María Nai e a do Santo Encontro, con gran influencia nos séculos XVIII e XIX». O mesmo sucedeu nas Vilas e pobos da nosa xeografía, «onde os fieis xunto cos seus párrocos foron coidando e potenciando os actos da Semana Santa: as celebracións litúrxicas, os momentos de oración, os actos sacramentais, e as procesións. Nalgúns lugares con gran tradición desde séculos pasados. Tradicións que nalgúns casos perdéronse e noutros se recuperaron nos últimos anos, como é o caso do Carballiño, Oimbra e tamén Castro Caldelas», argumentaba o bispo.

Programacións
Francisco López, Vicario para os laicos familia e vida fixo un repaso polas principais procesións e celebracións que terán lugar nas vilas citadas. Tanto O Carballiño como Ourense adiantaron a súa programación co pregón. Un pregón que correu a cargo do ex presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, na vila do Arenteiro; e do reverendo Óscar Martínez Caamaño, delegado episcopal para o xubileu 2025 e párroco da UAP de Verín, na capital ourensá.
Para este venres día 11, ás 8 e media da tarde, partirá da catedral o viacrucis diocesano, polas rúas do centro histórico. Este ano este viacrucis ten unha novidade, e é que procesionará polas rúas a imaxe do “Cristo dos Desamparados”. No Carballiño terá lugar a procesión do traslado da virxe dolorosa (20.30h).
O domingo día 13, conmemórase a entrada de Xesús na cidade Santa de Xerusalén. A bendición de ramos será ás 11.30, no parque de San Lázaro e logo a procesión coa imaxe da “borriquilla” ata a Catedral, onde o Bispo presidirá a celebración da Eucaristía. Ademais, noutras vilas e pobos terán lugar as bendicións de ramos coas súas respectivas procesións.
O Mércores Santo (día 16), tradicionalmente, é o día en que se celebra a Misa Crismal, celebración na que o Bispo xunto co presbiterio diocesano renova as promesas sacerdotais, e bendinse os santos óleos e conságrase o Santo Crisma. Este ano esta celebración ten dúas novidades, por unha banda, a Santa Misa terá lugar na Catedral o mércores ás 12 da mañá (tradicionalmente tiña lugar pola tarde) e ademais neste día celebraremos honraremos aos sacerdotes que cumpren durante o ano 2025, 25, 50, 60 e 70 anos de ordenación sacerdotal. A tarde noite do mércores, terá lugar no barrio da Carballeira, a procesión coa imaxe do Nazareno, organizada pola confraría do Paso de Xesús Nazareno.

Xoves e Venres Santo
Na tarde do Xoves Santo (día 17), día eucarístico e sacerdotal, terá lugar, en moitas das parroquias da diocese a celebración da Cea do Señor, co traslado posterior do Santísimo ao Monumento, lugar no que os fieis poderán orar e acompañar a Xesús na súa Paixón. A última hora da tarde teremos a procesión do Cristo do Perdón en Belle, a de Xesús no Horto en Xinzo de Limia, a da Sentenza e a Esperanza en Carballiño, a dos Caladiños na capital do Ribeiro, ademais do acto do prendemento de Cristo, Oficio de Tebras e procesión de penitentes en Oímbra.
O Venres Santo (día 18), pola mañá, ten lugar en Ribadavia a procesión do Santo Encontro e no Carballiño a procesión do Cristo da Saúde. Xa pola tarde celebraranse os oficios do Venres Santo, único día do ano en que non se celebra a Eucaristía, senón que no seu lugar adórase a cruz. Rematadas estas celebracións vespertinas terá lugar o “acto do desencravo” nas vilas de Oímbra, Celanova, Verín e Allariz; seguidos da procesión do Santo Enterro. Na explanada do Santuario dos Milagros, terá lugar un viacrucis procesional, coas imaxes do Cristo xacente e a Dolorosa. Ademais, a procesión do Santo Enterro na cidade (21 horas), presidida polo Bispo, que partirá da Catedral e rematará cun acto final na praza Maior. Tamén haberá procesións do Santo Enterro en Carballiño e Xinzo, así como a procesión da Dolorosa en Bande e a dos Caladiños en Castro Caldelas.

Fin de semana
O Sábado Santo é no día en que a Igrexa agarda expectante a Resurrección do Señor. A primeira hora da mañácelebraranse as procesións da Soiedade, tanto na cidade, partindo do templo da Santísima Trindade, así como na vila de Allariz. Chegada a noite comezarán as solemnes Vixilias Pascuais, tanto na Catedral como en moitos templos parroquiais da cidade e de vilas e pobos.
O domingo de Pascua ten lugar en Ourense a procesión do encontro, coa imaxe de Santa María Nai, patroa da Diocese, desde o seu templo ata a Catedral, onde ten lugar o encontro co Resucitado na girola da Catedral. Rematada a misa do domingo de Pascua, parte da Catedral, a coñecida como procesión do Desplante, coa imaxe da patroa da Diocese.
Ademais, tamén haberá procesións do encontro en Allariz e Carballiño.