- Este evento ha pasado.
9º FITO: «As fillas bravas»
12 octubre, 2016 @ 8:00 pm - 8:50 pm
8€A compañía Chévere presenta «As fillas bravas» dentro da programación do 9º Festival Internacional de Teatro de Ourense. Será o mércores 12 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.
Sinopse
Un grupo de cantareiras (tres irmás) ofrece un recital e entre canción e canción vai xurdindo un diálogo entre elas e co público sobre temas como a sexualidade, as relacións entre homes e mulleres, a violencia e a toma de poder da muller, sempre a partir das coplas que van cantando.
As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
As fillas bravas é un traballo de investigación sobre os papeis da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados dende a segunda metade do século XIX.
A compañía
Chévere trata de aproximarse e de interesar a un público o máis amplo posible, utilizando o humor como vehículo para establecer unha comunicación directa. A súa é unha proposta de raíz popular, pero aberta a outras linguaxes contemporáneas: a música, o cómic, o cine, a pintura, a televisión… que se nutre do clown, do bufón e do esperpento e que se serve dos xéneros (o musical, o wéstern, a ciencia-ficción, o terror, o romántico, o cabaré, a ópera) para falar do noso mundo sen complexos.
Dende a irrupción no teatro galego en 1988, Chévere mantén unha proposta estética ecléctica, desarraigada e singular e un importante intervencionismo cultural en todo tipo de frontes: accións de rúa, recuperación de festas populares, organización de festivais, concertos, edición de libros, discos…
Chévere promoveu a creación da Nave de Servizos Artísticos-NASA, que foi un punto de encontro para o público máis atrevido e implicado, e un dos centros máis importantes e emblemáticos da cultura independente en Galicia.
Chévere recibe o Premio Nacional de Teatro en 2014.