- Este evento ha pasado.
Exposición «A alegría da cor»
22 junio, 2016 - 14 agosto, 2016
O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” conta cunha nova mostra nas súas instalacións. “A alegría da cor” do pintor José Ramón, quen faleceu a finais de 2015, cando estaba a rematar os preparativos desta mostra, que o Centro Cultural mantén coma homenaxe póstuma. A presentación da exposición tivo lugar esta mañá no Centro Cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González, a viúva do artista, Teresa Agra, e o seu fillo, José Ramón.
A mostra “é pura luminosidade, obra do pintor da luz e da cor”, dixo Rosendo Fernández, quen engadiu “esta obra, como describe no catálogo, causáballe a José Ramón alegría e angustia, un binomio de dous termos moi opostos que teñen para nós moito valor, porque esta bipolarización non se deu moitas veces nas exposicións que aquí estiveron”.
O director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” explicou que era “de xustiza renderlle homenaxe a súa obra” e definiu a José Ramón como “un pintor figurativo con estilo propio, que ten nas súas obras moitos elementos abstractos, con numerosas referencias a Galicia”. Francisco González lembrou unha das frases escritas polo artista no catálogo que dicía “a obra non debe explicarse e debe de falar por si mesma”, “algo patente nesta mostra”, asegurou o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.
O fillo do artista recoñeceu que era “un orgullo seguir mostrando a súa obra” e asegurou que para José Ramón as exposicións “tiñan moita importancia, considerábaas un reto, e mostraba un gran respecto ao que dicía o público con maiúsculas”. Esta exposición é “unha selección de obras dunha etapa moi madura da cal José Ramón estaba moi satisfeito polo resultado dun esforzo moi esixente en todas as vertentes artísticas: no concepto, no debuxo, na técnica, na cor e no tratamento da luz”, explicou o fillo do pintor.
No catálogo da mostra o artista José Ramón explicou o que significaba para el pintar: “é liberdade interior, instinto, inxenuidade e exquisita intelixencia. Pintar todo o que se experimenta, e traducir todo o que se sente”.
A exposición pode verse ata o 15 de agosto no Centro Cultural.