- Este evento ha pasado.
Exposición «Coeur d’armazigh»
7 julio, 2016 - 25 septiembre, 2016
Unha viaxe desde os seus inicios como creadora até a actualidade . É o que nos propón a artista viguesa Nuria Guardiola con «Coeur d’armazigh», unha mostra retrospectiva que compila os primeiros cadros, cando se mesturan experiencias persoais con conflitos emocionais, con creacións a partir de elementos industriais extraídos das fábricas de salgado do Morrazo, os faros do Atlántico (que forman parte do inventario municipal), fotomontaxes autobiográficas e, finalmente, a descuberta de Marrocos, onde a autora imparte Maxisterio desde 2011. A mostra estará até o 25 de setembro nas salas I e II do Museo Municipal da rúa Lepanto.
Trátase dunha “extroversión autobiográfica na que descubrimos novos países, novas cidades e, ao tempo, novas formas e formatos, novas técnicas, e novas cores… se cadra máis cálidas, e de seguro que non son só as das paisaxes”, relataba o alcalde, Jesús Vázquez, na inauguración da exposición.
Nuria Guardiola traballa cunha perseverancia pigmentaria a partir de figuracións abstractas, múltiples movementos xestuais e perfís de cor que debuxan e moldean os seus diferentes soportes artísticos, cores frías interceptadas en ocasións con atmósferas cálidas que nos elevan a momentos de intensa abstracción cromática.
E é que a autora, que ten o seu taller na Abeleda (Beariz), foi recompilando vivencias e novas experiencias sobre diferentes formatos e con diferentes técnicas. A súa formación vénlle do pai, tamén pintor, que a animou a probar con metais, con papel, con fotografías e mesmo cristais. Desde que chegou a Marrocos a dar clase, ademais, descubriu novas paisaxes e novos universos: “non son tan diferentes aos nosos”, dixo, en referencia ao amor polas singularidades de cada pobo -“no Riff semellan moi galegos, polo matriarcado e polo amor á terra”- aínda distan moito de parecerse para o bo e para o malo.