Cargando Eventos

« Todos los Eventos

  • Este evento ha pasado.

Exposición: “Saúde e Terra, irmá(n)s!”

10 octubre, 2016 - 30 octubre, 2016

No Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense pode visitarse ata o 20 de outubro a exposición “Saúde e Terra, irmá(n)s!”, que amosa o legado das Irmandades da Fala.

“Saúde e Terra, irmá(n)s!” conta cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Xusto Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña. O proxecto foi creado, deseñado e coordinado por Pepe Barro.

O 18 de maio de 1916 nacía na Coruña, nunha xuntanza celebrada na daquela sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de Auga, a primeira das Irmandades da Fala. Nas semanas seguintes, este movemento concibido polos irmáns Vilar Ponte coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos espallouse rapidamente por Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Un século despois, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego están a difundir o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito que marcou un antes e un despois na historia de Galicia a través da exposición «Saúde e Terra, irmá(n)s!»

O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

A través destes dez espazos, o público achegarase á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Vilar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco…); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d’O Tío Marcos d’A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.

«Saúde e Terra, irmá(n)s!» dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola “igualdade absoluta, política e civil da muller e do home”.

Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a exposición xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares. Entre as pezas integradas nas cabinas, figuran obxectos persoais como as lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Villar Ponte e Antonia Pardo, unha plumiña de Álvaro Cebreiro, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade e o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada Diéguez; o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da I Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anuncia que a Irmandade da Fala se converterá no Partido Galeguista.

O estandarte de “Queixumes dos Pinos” da Coral Polifónica Follas Novas (1922), e obras de arte como os óleos “Autorretrato”, de María Corredoira, “Valle Esmeralda” (1912), de Francisco Lloréns e “Nube da tarde”, de Imeldo Corral; e a talla “Galicia, Nai e Señora”, de Uxío Souto (1926), tamén forman parte da exposición.

«Saúde e Terra, irmá(n)s!» é unha exposición para ver, pero tamén para oír. Amosará, e permitirá escoitar, o disco coa primeira gravación do Himno galego, a cargo do Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo.

Detalles

Comienza:
10 octubre, 2016
Finaliza:
30 octubre, 2016
Categoría del Evento:
Etiquetas del Evento:
,

Local

Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación
r/ Progreso, 30
Ourense, Ourense 32003 España
Teléfono:
988 317 895
Ver la web Local