A Federación de Comercio de Ourense organiza este evento o vindeiro sábado 19 de setembro.
Máis firmas e modelos profesionais na incomparable contorna da piscina termal das Burgas é o que ofrecerá a II Pasarela Calpurnia As Burgas, evento organizado pola Federación de Comercio de Ourense coa colaboración de Concello, Xunta e Deputación para o próximo 19 de setembro.
Nesta segunda edición, a pasarela aumenta de oito a 14 firmas, das cales seis repiten. Unha delas procede do Barco de Valdeorras, dada a intención da Federación de Comercio de abrila a comercios doutras vilas ourensás. “Non queremos que isto sexa un coto pechado”, explicaba o seu presidente, Aurelio Gómez Villar, quen apuntaba que xa hai lista de espera de comerciantes para participar na edición do ano que vén.
A partir das 20:30 horas e ao longo de 60 minutos,15 modelos profesionais (10 mulleres e cinco homes) desfilarán sobre a piscina das Burgas con moda nupcial e de cerimonia, de cóctel, moda xuvenil e roupa íntima, entre outras. Actuacións musicais en directo abrirán, pecharán e farán un intermedio no desfile, que estará ambientado na orixe romana de Ourense.
En nome da Dirección Xeral de Ccomercio, que apoia o evento, falou o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, que considerou que a pasarela vai proxectar “a cidade de Ourense como a capital da moda e das compras”. Nesa liña, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, opinou que “eventos deste tipo son imprescindibles para manter o que temos e superarnos día a día”, dixo en referenza ao sector comercio da cidade. E finalmente a concelleira de Comercio, Ana María Morenza, resaltou que a pasarela Calpurnia será “un produto 100% ourensán”, froito da unión das distintas asociacións de comerciantes e institucións.
O evento é gratuíto e de acceso libre, e os organizadores agardan reunir, igual que na primeira edición, un bo número de ourensáns na noite do sábado 19. Está previsto que se coloquen 700 cadeiras para seguir o espectáculo, e ofrecerase unha degustación de produtos locais ao seu remate.