Formación dual en Verín

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, e o delegado da Xunta, Rogelio Martínez, visitaron este xoves aos participantes desta iniciativa que financia Traballo e Benestar e que organizan os concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós.

 

Por unha banda, un total de 10 alumnos e alumnas están a formarse na rama sociosanitaria. Recibirán 850 horas de formación co obxectivo de capacitalos para atender a persoas dependentes no ámbito sociosanitario na institución ou no seu domicilio. En concreto, os participantes aprenden a aplicar estratexias e os procedementos máis axeitados para manter e mellorar a autonomía persoal das persoas dependentes. Ao remate das accións formativas, os alumnos recibirán un certificado en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en atención a persoas no domicilio.

Doutro lado, 11 mozos e mozas están a formarse na rama forestal. O curso inclúe 775 horas de formación en tres especialidades diferentes nas que os participantes recibirán un certificado: en actividades auxiliares, en conservación ou mellora de montes, en aproveitamentos forestais, ou en medio ambiente na agricultura. Nestas accións, os participantes aprenden a realizar os traballos necesarios para a conservación e mellora do monte seguindo un plan de traballo e aplicando criterios de calidade e eficiencia tendo en conta a normativa en prevención de riscos laborais. Tamén aprenden o aproveitamento dos produtos forestais, manexando os equipos, as máquinas e as ferramentas axeitadas en condicións de seguridade e saúde respecto a normativa medioambiental.

Díaz López destacou que o Diario Oficial de Galicia xa publicou as axudas da Consellería de Traballo e Benestar deste ano para a formación dual co que se prevé poder formalizar preto de 500 contratos para mozos e mozas menores de 30 anos. O departamento autonómico investirá nesta iniciativa, coa que se regula, polo tanto, o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe, máis de 2,6 millóns de euros.

Esta iniciativa, que combina un posto de traballo cunha actividade formativa, está dirixida, especialmente, aos menores de 30 anos cunha baixa cualificación e que estean en situación de desemprego. Tamén poderán ser beneficiarios os mozos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil, tal e como concretou Díaz López.

O prazo de solicitude destas axudas xa está aberto e rematará o 30 de setembro para as empresas e o 15 de novembro para as entidades locais.

A iniciativa ofrece aos mozos desempregados un contrato profesional e unha formación certificada, ao tempo que as entidades contratantes teñen a posibilidade de contar con profesionais preparados para determinados labores específicos. O proxecto consiste en proporcionar aos beneficiarios un traballo asociado a unha actividade formativa de calidade vinculada a demanda real do mercado laboral e a un certificado de profesionalidade, de validez estatal.