Durante toda este fin de semana, Verín acollerá a realización de actividades deportivas aptas para todas as idades e destinadas a promoción da saúde o deporte.

 

A primeira delas será o VI Torneo Internacional de Fútbol 8 ‘Vila de Verín’, que terá lugar os días 30 e 31 de maio, de 9.45 a 20 horas, no complexo deportivo da Granxa. Nesta cita participarán trinta e sete equipos de Galicia e norte de Portugal nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín.

O sábado 30 tamén terá lugar na piscina climatizada de Verín, ás 10 horas, unha master class de spinning. Esta actividade estará destinada a todas as persoas interesadas na práctica do spinning e amantes da bicicleta. Durante hora e media, dous monitores ofertarán esta clase guiada na que de modo práctico amosarán como se debe realizar esta disciplina deportiva.

Xa pola tarde, ás 18 horas, dará comezo a ‘Andaina Solidaria e Paseo Fotográfico en Familia’, destinados a recadar fondos para axudar na construción de pozos de auga en diferentes localidades de Níxer. Esta iniciativa está pensada para toda a familia -non hai límite de idade para a súa participación e os menores poden realizar esta andaina en mochila ou carrito-. A saída será desde o pavillón municipal de deportes de Verín, e cun total 6 quilómetros os asistentes desprazaranse ata o campo dos Remedios (Vilamaior), onde se realizarán xogos cooperativos e os máis cativos divertiranse con inchables.

A inscrición poderá realizarse antes do inicio da andaina; o custe do dorsal é de 1 euro para adultos e 0,50 para nenos. A retirada de dorsal terá lugar mañá ás 17.30 horas no propio pavillón, onde estará instalada unha urna na que se poderán realizar doazóns.

Por último, o domingo 31 de maio terá lugar a VIII Marcha Val de Monterrei, organizada polo club BTT Verín e Concello de Verín.. Esta actividade dará comezo no complexo deportivo da Granxa ás 9.30 horas, e está conformada por dúas modalidades de participación (60 e 35 quilómetros), ademais dun paseo de 20 quilómetros. A retirada de dorsais terá lugar o propio día 31 de maio, a partir das 8 horas.