Pinchos elaborados con materias primas frescas e de temporada, cun prezo máximo de 2,50 euros é o que ofrecerán os 39 establecementos que participan na 5ª edición do Concurso de pinchos Sabores de Ourense edición primavera, organizado polo Concello de Ourense e a Unión de Hostaleiros Ourensáns (UHO). O alcalde, Jesús Vázquez, e o presidente de UHO, Javier Outumuro, foron os encargados de debullar os detalles desta iniciativa.
Son menos locais que en anteriores edicións, debido a problemas coa inscrición por parte dalgúns deles, pero incorpóranse algún establecemento novo, como o 18, e regresan veteranos como A Casa do Pulpo, que estivera pechado tras sufrir un incendio. O resto de locais coñeceranse en breve a través da páxina web saboresdeourense.turismodeourense.com.
Todos os petiscos optarán aos tres premios do xurado profesional e do público, e ao premio da prensa, e aqueles que sexan sen glute optarán tamén ao premio pincho celíaco. Os clientes que selen os boletos cos seus votos (en alomenos tres bares) poderán gañar premios como lotes de viño, estancias termais ou en hoteles, e aqueles que rexistren a súa votación na aplicación para móbiles “Sabores de Ourense” unha tablet.
Na edición anterior vendéronse un mínimo de 9.000 pinchos nesta iniciativa de dinamización da hostalería ourensá. Para atraer visitantes de fóra de Ourense, o Concello chegou a un acordo con Renfe que realizará un desconto do 30% dos billetes de tren con destino á nosa cidade entre o 23 de abril e o 3 de maio. Será un dos atractivos destas datas xunto á festa dos Maios, a feria de artesanía ou a mostra de teatro MITEU.
Ordenanza de veladores
Preguntado pola ordenanza de veladores, o alcalde sinalou que está “en proceso de negociación” co resto de partidos, e recoñeceu que existen “puntos de desencuentro”. “No es fácil porque los hosteleros presentam una opción, algún partido presenta una opción restrictiva con respecto a horarios… todos vamos a tener que ceder algo”, afirmou.
Mentres non se aprobe a nova ordenanza, engadiu Jesús Vázquez , está vixente a actual, que se intenta “hacer cumplir” malia non ter “recursos suficientes”. Aínda así, hai inspeccións todos os días e “ante cualquiera denuncia acude la Policía Local para ver si esa terraza tiene permiso y se adapta”.